Nota de Prensa
O GMPP afirma que Llano está máis preocupado polos empregados do Pacto polo Emprego ca polos veciños da Mariña.
Considera que buscar a confrontación coa Xunta “é o recurso da desesperación e da incompetencia”.
“Llano debe dimitir como presidente do Pacto polo Emprego da Mariña”.
O GMPP de Burela afirmou hoxe a través dunha nota de prensa que o alcalde de Burela e presidente do Pacto Territorial polo Emprego da Mariña está máis preocupado polos cinco traballadores do Pacto ca polos oitenta mil veciños da comarca e o seu tecido socioeconómico. Eso é o que entende o PP logo da nota de prensa emitida polo propio Llano o fin de semana, e comprobar como o propio Llano defende o gasto de máis de cincuenta millóns de pesetas que só serviron para que a Xunta bipartita creara un chiringuito usado para pagar favores políticos, nomeando presidente do mesmo a unha persoa que tén demostrada a súa incompetencia política no concello de Burela e que se prestou a pagar tales favores en calidade do tribunal de selección, como foi o caso do proceso de selección de Remedios López, concelleira socialista de Burela.
Segundo os populares de Burela, Llano para nada desminte os paupérrimos e negativos datos deste instrumento posta en marcha pola Xunta bipartita: cero postos de traballo creados e cero empresas impulsadas. E por riba tén a desfachatez de dubidar dos datos que a propia Xunta dá en sede parlamentaria. Limítase a asinar un escrito que lle prepararon, no que busca a confrontación directa coa Xunta, e no que nin tan siquera é capaz de facer unha estadística das persoas que puideran ter solicitado asesoramento para atopar traballo ou crear unha empresa.
En opinión do Grupo Municipal do PP burelés, Llano debe dimitir como presidente do Pacto polo Emprego da Mariña, porque “queda demostrada a súa incapacidade para impulsar nada, e porque a confrontación coa Xunta non é máis có exemplo da desesperación e da incompetencia de quen foi posto de presidente do Pacto polo Emprego da Mariña para ser o executor de criterios políticos clientelares e caciquís, como o demostran os resultados do propio Pacto, que se limitou a publicar estatísticas de emprego na comarca xusto despois da chegada do PP á Xunta de Galicia”.