Lugo, a 13 de marzo de 2020. O grupo provincial do PP considera que o goberno da Deputación, presidido polo socialista José Tomé, cometerá un grave erro se non ten en conta as circunstancias xeradas pola crise do coronavirus e abre, como pretende, a tramitación do Plan Único nun momento totalmente inoportuno que poñerá aos concellos nunha situación moi difícil para poder superar a numerosa burocracia que precisa dito plan. Consciente do difícil momento, da delicada conxuntura pola que atravesa o país, que require un esforzo político para eludir polémicas e debates evitables, o portavoz do PP, Javier Castiñeira, intentou na mañá de hoxe manter unha conversa co presidente da Deputación, para expoñerlle o seu punto de vista e tratar de buscar unha solución para que a tramitación do Plan Único non constitúa unha grave dificultade para os concellos nas actuais circunstancias. A conversa non foi posible, porque, ao parecer, o presidente está de viaxe. A conversa foi coa portavoz do grupo socialista na Deputación, Pilar García Porto, que indicou que se manterán as previsións para sacar adiante o Plan Único.
Castiñeira di que iniciar a tramitación do citado plan cando tanto o Goberno central como a Xunta de Galicia acaban establecer medidas severas para tratar de frear o contaxio do coronavirus resulta totalmente inapropiado, inoportuno e que incluso pode xerar riscos. Destaca así que a propia Deputación, pero fundamentalmente os concellos, poden ver reducida a súa dispoñibilidade de persoal e, por tanto, á súa capacidade de traballo; a tramitación do Plan Único supón para todos eles a maior carga burocrática en todo o ano. Puntualiza que iso é así incluso aínda que os concellos xa teñan preparados os proxectos que queren financiar con cargo a este plan. Por iso é preciso, explica, flexibilizar as condicións dos trámites nos concellos.
O portavoz popular di que o plan xa sae con retraso en relación a outros anos. Pero xa que, sexa polo que sexa, é así e coincide coa máis grave crise a que se enfrontou o país en moitos anos, é preciso flexibilizar as condicións para os concellos. Por crelo así, Castiñeira anuncia que o seu grupo intentará tanto en comisión como en pleno que se introduzan os cambios oportunos para modificar as condicións nas que os concellos terán que preparar toda a documentación necesaria.
Castiñeira di que o retraso do goberno provincial en sacar o Plan Único provoca agora «présas que crearán problemas aos concellos se non tomamos medidas», porque chega de modo «inoportuno», por falta de control dos tempos e total inadecuación á delicada conxuntura pola que atravesa o país.