Foz, 13 de marzo de 2020. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, fixo público hoxe, venres, un bando no que anuncia que “ante a incidencia do COVID-19 (coronavirus) e unha vez analizadas as recomendacións e as decisións adoptadas polo Ministerio de Sanidade e a Xunta de Galicia, o Concello de Foz incrementará as medidas preventivas xa ditadas no día de onte, debido ás novas recomendacións feitas, que afectan ao funcionamento dos servizos públicos, por un período inicial de 14 días, dende o 14 ao 28 de marzo”.
O rexedor municipal especifica: “procederase ao peche dos seguintes espazos públicos:
Parques e xardíns.
Pistas deportivas do club de tenis.
Pista de skate e rocódromo da urbanización As Lagoas.
Pista de skate da explanada portuaria.
Parque infantil de tráfico da explanada portuaria.
Polideportivo do Campo da Cabana.
E quedan aprazadas / suspendidas as seguintes actividades:
Mercado semanal dos martes na explanada portuaria.
Festas, eventos deportivos e calquera reunión de cidadáns e cidadás.
Ademais quedará limitado o Servizo de Axuda no Fogar a aqueles casos que sexan esenciais”.
Cajoto engade que “o Concello de Foz quere enviar unha mensaxe de tranquilidade ás veciñas e veciños do municipio e que atendan ás indicacións das autoridades sanitarias. O teléfono de información é o 900.400.116 e se presentan a sintomatoloxía da enfermidade deben poñerse en contacto co 061 e non acudir aos centros de saúde. As autoridades sanitarias recomendan evitar os contactos físicos e unha adecuada hixiene”.
Ademais o alcalde manifesta: “dende o Concello de Foz apelamos á conciencia social e queremos pedir aos non residentes habituais que, por favor e sempre que sexa posible, pasen os próximos días nas súas residencias habituais. No caso de desprazarse a Foz solicitámoslles as mesmas precaucións que aos nosos veciños e veciñas, que permanezan na casa o maior tempo posible e extremen as medidas para evitar posibles contaxios”.