BARREIROS (FNC) .- O alcalde de Barreiros, Alfonso Fuente, xunto cos de Alfoz, Trabada e Lourenzá están a organizar unha nova viaxe a Arxentina que tería lugar nos meses de outubro ou novembro para que aqueles veciños que así o desexen poidan achegarse a ese país e gozar dunha estancia duns 10 ou 12 días para compartir cos súas familias.
Os rexedores están a enviar cartas aos seus veciños informándoos das súas intencións, eles acompañarían á expedición e programarían os detalles da viaxe: actos de reencontro e hoteis para as persoas que os precisen buscando, eso si, o menor custe económico. Os interesados en viaxar a Arxentina dispoñen ata finais de maio para comunicarllo ao seu alcalde e despois haberá unha xuntanza para analizar os detalles polo miúdo e para avanzar o custe aproximado da viaxe.
Na carta que remiten aos veciños fanlles saber que si se constitúe un grupo numeroso de xente tamén as condicións da viaxe serían mellores (rebaixas no prezo dos billetes de avión, vó desde Santiago…).
Alfonso Fuente e os rexedores de Trabada, Lourenzá e Alfoz xa viaxaron a Arxentina o pasado mes de decembro e alí coñeceron as inquedanzas de moitas persoas que quixeron saber dos seus. Todos lembran a grande hospitalidade coa que foron recibidos, o que os fixo sentirse coma na súa propia casa.