Ribadeo, 10 de marzo de 2020. No Pazo de San Marcos tivo lugar esta mañá o encontro institucional mantido polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, co presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, para abordar a situación precaria na que se atopa o vial provincial LU-P-5207 ao seu paso polo treito urbano da vila.
O rexedor explicou que “o Concello de Ribadeo vén manter un encontro institucional coa Deputación de Lugo para abordar a problemática e perigosidade do vial de titularidade provincial LU-P- 5207, que é o que discorre polo ámbito urbano, concretamente o treito que vai paralelo ao Campo de Fútbol Municipal ata a ponte de Feve, no barrio do Covo, na parroquia de Ove”.
Suárez Barcia lembrou que “desde hai varios anos, e a través de numerosos escritos da alcaldía, mocións de diferentes partidos políticos, viñemos manifestando a necesidade de arranxo, a construción de beirarrúas así como a ampliación no posible da ponte de Feve. Hai que ter en conta que esta estrada é moi frecuentada por viandantes, especialmente rapaces e rapazas que acoden aos adestramentos do campo que o Concello ten ao pé da vía do tren, en Ove, o que, con noite ou con mal tempo, faino especialmente perigoso cando se cruzan vehículos e peóns”.
O alcalde subliñou que “por tanto, despois de trasladar todas estas circunstancias ao Sr. Tomé, presidente da institución titular da vía, este acaba de dar as instrucións inmediatas para que técnicos da Deputación se despracen deseguido a Ribadeo para iniciar a redacción inmediata do proxecto de mellora deste vial, aplicando os criterios de seguridade viaria, tanto para vehículos como para peóns. Por isto, no proxecto contemplarase a dación dunha capa de aglomerado asfáltico, a construción de beiravías así como a ampliación da ponte de Feve coa instalación dunha pasarela voada. Este proxecto terá que contar coas autorizacións pertinentes, como é o caso de ADIF que depende do Ministerio de Fomento. Unha vez teña as autorizacións, segundo confirma o presidente de Deputación, procederase deseguido á licitación inmediata da obra. Así se dará cumprimento a unha demanda feita desde Ribadeo desde hai varios anos”.