Lugo, 09 de marzo de 2020. A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, deu conta das políticas que o BNG aplicará no goberno da Xunta de Galiza a partir do 5 de abril. “A Xunta de Galiza debe traballar activamente en loitar contra o desemprego, que afecta na Galiza a máis de 148.000 persoas”. Segundo Olalla Rodil “débense aplicar políticas que xeren emprego de calidade para loitar contra a precariedade na que se atopa actualmente o mercado laboral”.
Neste sentido, Olalla Rodil afirmou que “o Estado debe proporcionar á Xunta máis fondos para fomentar as políticas activas de emprego que permitan atopar traballo ás paradas de longa duración”. “Galiza debe ser un referente na creación de postos de traballo de calidade”, afirmou a candidata do BNG. “A Xunta debe deixar de ser unha fábrica de precariedade a través das súas contratacións”, declarou Olalla Rodil ao respecto dos servizos de Axuda no Fogar ou Dependencia, xestionados pola Xunta de Galiza. Olalla Rodil afirmou que “introduciremos cláusulas sociais en todas as contratacións e prestacións de servizos públicos por parte da Xunta de Galiza para garantir os dereitos das traballadoras”.
“A Xunta a partir do 5 de abril poñerá en marcha políticas para crear emprego de calidade, favorecendo que volvan á casa as miles de mozas e mozos galegos emigrados”, declarou Olalla Rodil, que engadiu “desde o BNG temos o compromiso de darlle un xiro de 180 graos ás políticas de precariedade que aplicou o Partido Popular na Xunta de Galiza nesta década”.