Foz, 8 de marzo de 2020. O alcalde de Foz, Fran Cajoto, critica a falta de respecto ao Concello e a utilización partidista das institucións por parte do Partido Popular pola visita ao municipio da conselleira Ethel Vázquez anunciada para mañá, luns.
“Estamos agardando unha chamada da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez. Sorprendeunos moi moito a convocatoria que fixo o Partido Popular de Foz a través das redes sociais para un acto da conselleira Ethel Vázquez este luns, no que se repartirán chalecos reflectantes aos veciños de Cangas, Nois e Fazouro. O grave disto, que con total seguridade vulnera a lei electoral, é que a convocatoria a un suposto acto da Xunta de Galicia se fai a través das redes sociais do Partido Popular de Foz, nun edificio de titularidade municipal e sen comunicarllo ao Concello nin a este alcalde. Este é un novo exemplo de como día tras día o Partido Popular menospreza ás institucións cando non son da súa mesma cor política”, explica Fran Cajoto.
O rexedor municipal focense engade que “está claro cal é a estratexia de Feijoo para as eleccións do vindeiro 5 de abril: usar as institucións públicas no beneficio do seu partido, pasando por riba de calquera tipo de normativa e intentando enganar deste xeito ao electorado. Afortunadamente a xente está cansa desta forma de actuar e busca seriedade e compromiso, non actos propagandísticos de última hora”.
Fran Cajoto considera que “os chalecos ou calquera outra achega que faga a actual conselleira serán benvidos, aínda que as demandas deste concello son moito máis importantes, dun calado moi superior, e levamos moito tempo de silencio administrativo agardando por elas. É por iso que aproveitaremos a visita da conselleira, se esta finalmente se produce, para achegarlle un dossier con todas as demandas que leva reclamando o Concello de Foz á Xunta de Galicia e que non se fixeron efectivas en ningún caso. Por poñer uns exemplos:
-Financiamento íntegro dun auditorio para Foz, segundo concello por poboación da Mariña, con case 10.000 habitantes, e o único que non dispón desta infraestrutura entre os municipios de máis de 4.000 residentes.
-Dragado de urxencia na canle de entrada á Ría e no denominado Porto Chico, así como o deseño dunha nova disposición da bocana de entrada a este porto.
-Execución da nova EDAR de Foz, cun proxecto de construción que garanta unha depuradora de última xeración e sen molestias para os veciños.
-Terceira fase das beirarrúas na travesía de Cangas, estrada LU-162.
-Mellora das interseccións na estrada Ferreira – Foz (LU-152) con carrís de apartado, aglomerado dos tramos da estrada vella, así como a sinatura dun convenio de colaboración co Ministerio de Fomento para a execución dunha rotonda na intersección coa estrada N-642 na zona da Corredoira.
Existen outras moitas demandas que os veciños de Foz reclaman e que lle faremos chegar á conselleira, como debería corresponder nun trato normal de traballo conxunto entre administracións”.