A Mariña, 8 de marzo, 2020. Este domingo, 8 de marzo, día internacional das mulleres, a asemblea Galegas 8M da Mariña convocou manifestación unitaria en Foz.
Os colectivos e mulleres que forman parte de Galegas 8M A Mariña levaban desde o mes de xaneiro traballando na dinamización do 8M na comarca, fomentando a mobilización en parroquias e municipios, co fin de facer aberta e transversal a reivindicación da igualdade e do feminismo no territorio.
Ademais de múltiples encontros abertos, asembleas, quedadas, ensaios de batuque e obradoiros que tiveron lugar nas últimas semanas, a Asemblea Galegas 8M uniu forzas nos actos deste 8M en Foz. Este ano co foco sobre os coidados, sendo o lema: SEN COIDADOS NON HAI VIDA, mudando o sistema, derrubando o patriarcado
Ademais da manifestación unitaria da Mariña, a xornada complétase con actuacións musicais, xantar colectivo e foliada feminista.