Alfoz, 7 de marzo, 2020. A editorial La Equilibrista de Barcelona vén de publicar a novela curta titulada “A Solo no le gustaba su nombre”. Farase unha primeira presentación deste libro o vindeiro venres, día 13 de marzo, na cafetería-confitería Xoyma, de Foz, ás 20,30 horas. Acompañaran ao autor o profesor e lingüista Bernardo Penabade e a cantante Almudena Cuadrado. O acto é libre para todo o público.
A novela fala sobre a soidade. Case 7.000 millóns de habitantes no noso planeta, cada vez máis xuntos no espazo e con frecuencia cada vez máis separados. Cantas foron as veces en que nos sentimos sós somerxidos entre multitudes? E, a pesar de todo, canto nos custa recoñecer a nosa soidade! Canto nos custa chamar ás cousas polo seu nome! Trátase da miña primeira novela publicada en castelán. Unha breve historia de soidades e de multitudes, de triunfos e de anonimatos, de auga, moita auga, e de amores, épocas e lembranzas. A historia de “Solo” en 62 páxinas, un breve relato para resumir toda unha vida. Porque agora, e sempre, substituímos con eufemismos a palabra soidade para non ter que enfrontarnos a ela.