A Mariña, 5 de marzo, 2020. A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública manifesta que apoia e adhírese aos actos que se desenvolverán o vindeiro domingo 8 de marzo, co gallo do Día Internacional da Muller. Do mesmo xeito quere animar a toda a comarca para que acuda o devandito día á manifestación que, co lema “Sen coidados non hai vida. Mudando o sistema, derrubando o patriarcado”, celebrarase na localidade de Foz, con saída ás 12 horas da Praia da Rapadoira para rematar na praza Conde Fontao.
A mobilización do 8 de marzo cubrirá básicamente eixos de traballo. En primeiro lugar, o eixo de consumo, que trata de concienciármonos sobre a necesidade dun consumo consciente que incida na necesidade de empregar ferramentas diferentes para rachar coa roda do capitalismo. Un segundo eixo de traballo son os coidados, tomando como tales os traballos imprescindibéis para a reproducción da vida, que a sociedade asignou ás mulleres, e impulsando que a asunción destas tarefas teñen que ser asumidas polo conxunto da sociedade. O último eixo de traballo é o territorio, campo de batalla contra o capitalismo e no que o papel das mulleres e o feminismo debe ser a súa defensa.