Lugo, 04 de marzo de 2020. A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil, explicou que no conxunto dos concellos Lucenses hai máis de 45.000 vivendas baleiras, das cales 12.000 se atopan no concello de Lugo. Olalla Rodil afirmou, “precisamos políticas que aposten por garantir o acceso á vivenda, especialmente para a mocidade”.
A candidata do BNG, acompañada do Tenente de Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, Alexandre Penas, concelleiro do BNG en Lugo, e a número 3 da candidatura do BNG, Carme Aira, puxeron como exemplo o proxecto de rehabilitación do barrio da Tinería, que fora iniciado polo BNG no pasado. “Precísanse medidas fiscais para mobilizar inmobles baleiros e controlar a especulación, ao mesmo tempo que se debe pular pola rehabilitación do entorno e pola promoción de vivenda pública”, afirmou Olalla Rodil, que exemplificou na Tinería que “o BNG é capaz de aplicar estas políticas transformadoras pensadas para as persoas”.
“A oferta de vivendas en aluguer caeu un 60% na Galiza en dous anos, ao tempo que se produciu un trasvase cara o arrendamento turístico”, afirmou Olalla Rodil, que denunciou a drástica redución dos investimentos en política social de vivenda. Segundo Olalla Rodil, “A Xunta do Partido Popular púxose do lado das empresas da construción e abandonou á veciñanza nun dereito fundamental”. A candidata do BNG engadiu, “esta situación empeza a ser de alarma social, estase convertendo o acceso á vivenda en misión imposible para moitas persoas, especialmente á xente moza”.
Entre as propostas do BNG inclúese a creación dunha bolsa de vivendas destinadas a atender situacións de emerxencia, como desafiuzamentos ou vítimas de violencia machista. Igualmente, contémplase crear un programa específico de vivendas en alugueiro para menores de 35 anos, e un fondo extraordinario de 100 millóns de euros para compensar a redución orzamentaria dos últimos anos e duplicar o investimento en vivenda nos orzamentos da Xunta.