Viveiro, 3 de marzo, 2020. Como cada ano, o BNG de Viveiro anima a todxs xs viverensxs a participar no acto comarcal do 8M convocado por Galegas8M, que este ano se celebrará en Foz ás 12:00h. Lamentan por outra banda que a concelleira do PSOE encargada desta área, Lara Fernández, contraprograme cun acto que terá lugar en mesma data e hora en Viveiro, solapando unha cita tan importante e relevante para a muller como é a manifestación comarcal do 8M. Entre as actividades que se propoñen, decidiron contar coas “Towanda Rebels” un colectivo de Madrid, coñecido pola súa posición abertamente tránsfoba e contraria a integrar no movemento feminista as mulleres transxénero, excluíndo a un colectivo tan necesario coma outro para acadar a igualdade, fundamento principal do feminismo como tamén do Orgullo LGTBI, que van sempre da man recuperando dereitos.
Mais esta falta de compromiso co feminismo non é de estranar no partido socialista, pois no pasado novembro cando o BNG presentaba unha moción para o 25N, día internacional contra as violencias machistas, o PSOE de Viveiro negouse a reclamar á Xunta máis recursos económicos para a loita contra a violencia de xénero, como tamén demandar ao Goberno do Estado, a introdución no marco legal do concepto de consentimento para mellorar a tipificación e o tratamento de violación e das agresións sexuais, entre outras demandas. Unha decisión nada acertada, sobre todo cando @s seus propios compañeir@s de partido sí se sumaron noutros concellos.