Lugo, 28 de febreiro de 2020. O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, cumpriu a palabra dada ao comité de empresa de Alcoa San Cibrao e remitiu este venres un escrito á Ministra de Industria, Reyes Maroto, coas alegacións formuladas polos traballadores e traballadoras da factoría ao Estatuto do Consumidor Electrointensivo para que as tome en consideración. Tomé remitiulle tamén hoxe ao comité copia do escrito enviado a Reyes Maroto.
“A Deputación está para atender aos veciños, e os traballadores de Alcoa son veciños, por iso a institución provincial está ao seu lado para axudarlles a resolver os seus problemas”, subliñou José Tomé.
O Presidente, que se reuniu esta semana con membros do comité de Alcoa, subliñou que “apoiamos as reivindicacións dos traballadores, queremos que siga aberta a planta de Alcoa en San Cibrao e que continúen os postos de traballo. Estamos facendo todas as xestións que son posibles co Goberno central para que o Estatuto se modifique”.
No Pleno do pasado mércores, a Corporación provincial aprobou por unanimidade apoiar as alegacións dos traballadores e o Presidente asegurou que agora é o momento de “facer unha diplomacia discreta entre todas as partes implicadas para sacar un acordo satisfactorio para todos”.