Nota de Prensa
O egocentrismo do PP de Xove
A Área de Cultura e Deportes da Deputación inviste no municipio máis de 34.000 € e o goberno do Partido Popular nega que foran beneficiadas as diferentes asociacións e clubes deportivos xovenses
Nin os insultos nin as descualificacións do alcalde, chamándolle “personaxe” ao responsábel local do BNG, poden agachar a evidencia de que Xove se beneficiou duns 34.000 € a través de diferentes subvencións aprobadas polo departamento que dirixe o nacionalista Antonio Veiga Outeiro.
Estas faltas de respecto dirixidas ao eido persoal non foron recollidas (con moi bo criterio e profesionalidade) polos diferentes medios de comunicación da Mariña, a pesar de figurar contidos expresamente na nota de prensa remitida por Demetrio Salgueiro aos xornais e cadeas de radio.
As axudas directas aportadas pola Deputación tanto ao propio Concello como ás diferentes asociacións culturais e clubes deportivos están aí “aínda que Demetrio o negue tres veces, como tamén fixera San Pedro”, advertiu Marco López.
Ademais dos cartos que o goberno do Concello recoñece ter percibido (14.640 euros): o Clube Baloncesto Xove recibirá 5.000 €, a U.D. Xove-Lago cobrará 4.000 € , as escolas deportivas da ACD Xove levarán 7.000 € e outros 3.500 € destínanse á Asociación Cultural Saíñas. Todo isto eleva a cifra a un total de 34.140 euros investidos en Xove, só hai que facer unha sinxela suma. “As persoas poden agachar a verdade, pero os números non menten”, declararon desde o BNG.
Desde o Bloque Nacionalista Galego cren que o erro atópase na interpretación que o goberno municipal fixo do termo “Xove”, apropiándose de todo o que ten a ver co Concello e confundindo “Xove” con “goberno municipal do PP”, que son dúas cousas ben diferentes.
No Bloque insistiron en que o PP tense que decatar de que en Xove se fan moitas cousas nas que non participa o goberno do Concello, ou participa de forma anecdótica. Incluso existen actividades que se organizan a nivel particular, ou que organizan as pequenas e medianas empresas, ou tarefas que coordinan as obras sociais das caixas de aforros, ou que se levan a cabo a través da grande industria (como é o caso de Alcoa). “O equipo de goberno non é todopoderoso, senón que son moitos máis os que participan desde fóra de xeito altruísta e, incluso, poñendo cartos do peto”, dixo Marco López.
No Bloque de Xove non se entende o nerviosismo dos populares, provocado polo anuncio deste beneficio para as entidades culturais e deportivas xovenses. Os nacionalistas informaron de que desde as áreas nacionalistas da Deputación se goberna para todos e non só se sufragan as actividades propostas pola corporación, senón que tamén destinan axudas (como é obriga nunha boa xestión) ás actividades dos diferentes colectivos autónomos.
As asociacións e clubes deportivos de Xove actúan con independencia, saíndo adiante grazas ao traballo desinteresado dos veciños e co lóxico apoio das diferentes administracións públicas. Estas entidades non son propiedade de ningún alcalde, son patrimonio de toda a sociedade e “en Xove estamos moi orgullosos deles”, sentenciou López.
O novo executivo do PP apropiouse das obras do Plan E, apropiáronse tamén do traballo realizado por anteriores gobernos municipais e agora tentan apropiarse das subvencións concedidas polas administracións do BNG ás asociacións deportivas e culturais de Xove. “É que, todo é deles!”, recriminaron desde o Bloque.
“Hai tres anos chegaron á alcaldía insultando a Xosé Durán (BNG) e mais a Xesús López (AVEXO), o anterior alcalde, e foilles ben. Por iso supoñémonos que este ano iniciarán unha nova campaña de difamacións e falta de ética política á que nós lles contestaremos con argumentos, ideas e boas palabras”, finalizou dicindo o responsábel da organización nacionalista en Xove.