Lugo, 26 de febreiro de 2020. A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, xunto con integrantes do BNG e representantes dos grupos do BNG do Concello e da Deputación de Lugo, estiveron presentes na manifestación convocada hoxe en apoio ás traballadoras e traballadores da industria electrointensiva. Olalla Rodil declarou que “o actual estatuto presentado polo goberno do estado é insuficiente e non serve para resolver o problema da industria electrointensiva”.
Segundo Olalla Rodil, “o goberno ten marxe para mellorar este estatuto, garantindo un prezo para a enerxía que consumen as empresas electrointensivas que faga viábel manter esta industria da que dependen máis de 2.000 postos de traballo”.
“Dende o BNG presentamos alegacións ao estatuto do goberno para que se rectifique e faga viábel o mantemento da produción de aluminio primario na Galiza”, indicou Olalla Rodil, que engadiu “seguiremos traballando e desde todas as institucións e apoiaremos as mobilizacións das traballadoras e traballadores de Alcoa até que o goberno do Estado solucione o problema”