Viveiro, 20 de febreiro de 2020. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, asegura que a administración autonómica só quere darlle “unha solución áxil” as demandas da veciñanza do barrio da Xunqueira e, nese senso, insiste en reclamar premura ao Concello para asinar o convenio de colaboración e así poder acometer “canto antes” as obras que reduzan o risco de futuras inundacións.
Balseiro mantén que o convenio de colaboración puido estar firmado pero non foi así porque o Concello de Viveiro, pese a terse comprometido a elo, non presentou unha proposta na reunión que mantiveron con Augas de Galicia esta mesma semana. O delegado lembra que o obxectivo dese encontro era avanzar na sinatura dese convenio de colaboración entre Xunta, Concello e Deputación, pero a administración local veu coas “mans baleiras”.
Con todo Balseiro insiste en que a intención da Administración autonómica non é confrontar co Concello, “pois estamos obrigados a entendernos e puxemos sobre a mesa unha oferta leal de colaboración” pero considera un exercicio de transparencia, trasladar á veciñanza da Xunqueira que se este proxecto “non vai ao ritmo por todos agardado” é pola “falta de actividade e impulso” do Goberno local, “que se eterniza á hora de dar cada un dos pasos”.
“Xa o explicamos en moitas ocasións: O Concello desde marzo do ano pasado tiña sobre a mesa o resultado do estudo elaborado por Augas de Galicia no que se formulaban varias alternativas para a reconstrución do núcleo de Xunqueira e non foi ata hai unhas semanas que se decidiu por unha. E, agora, intentamos asinar un convenio a tres bandas e non presentan nin o documento en versión borrador, para poder ir avanzando”-explicou o delegado.
Os deberes feitos
Balseiro contrapón esta situación co proceder da Xunta que, ao seu xuízo “ten os deberes feitos, tanto de cara ao futuro como no pasado”. Inmediatamente despois das riadas a Xunta achegou 100.000 euros nas tarefas de recuperación da zona, retirada de residuos dos rios e regatos e incluso, pese a ser unha competencia municipal, acometeu a limpeza integral da rede de augas pluviais e colectores.
“E tamén ten os deberes feitos de cara ao futuro” A Xunta puxo sobre a mesa o compromiso de cofinanciar o custe das obras, pese a que se desenvolverán en espazos que son de competencia municipal, e consignou unha partida orzamentaria de 100.000 euros adicionais con este mesmo obxecto. E, por se isto fora pouco, asumiu o compromiso de elaborar os proxectos técnicos da alternativa escollida para evitar as inundacións e de licitar e adxudicar eses traballos”