Foz, 17 de febreiro, 2020. A Asociación Cultural A Pomba do Arco organiza o 23 de febreiro a partir das 20:30 h, no salón de actos do colexio Martínez Otero de Foz unha nova edición do Touporroutou, espectáculo xa clásico do Entroido focego, que como en anteriores ocasións correrá a cargo do grupo Touporroutou Teatro, o grupo de pandeireiteiras da Subela e o grupo de rock focego Os Quentaquis.
A Asociación Cultural A Pomba do Arco quere convidar a todos os veciños e veciñas do Concello a colaborar con esta actividade, agudizando o enxeño e achegando as súas coplas ás diversas caixas colocadas en diversos establecementos de Foz. A entidade organizadora indica que estas caixas atópanse na “Anduriña”, na “Cafetería May Ros”, na “Ribeira”, no “Bar Acuario”, no “ Muelle Bar”, na “Funcional”, no “Lar”, no “Pachán”, na “Eskina” e no “Barrilete”.
O éxito e a continuidade do Touporroutou depende da participación veciñal polo que solicitamos dos focegos e das focegas o seu apoio e a súa axuda, elaborando coplas e cantigas sobre os temas que consideren de interese, a fin de que esta actividade sexa realmente unha autentica crónica da vida social de Foz ao longo deste último ano.