Burela a 9 de Febreiro de 2020. Miles de persoas chegadas de toda Galiza sumáronse á manifestación convocada por SOS Sanidade Pública esta mañá en Compostela, baixo o lema “En defensa da sanidade pública galega”. Con esta mobilización manifestouse o rotundo rexeitamento ás políticas do PP de desmantelamento, peche de servizos nos Hospitais Públicos e privatización; denunciáronse as “inaceptábeis listas de espera” e as precarias condicións laborais do persoal.
Neste sentido, desde CIG-Saúde A Mariña, Adolfo Corral, denunciou ao comezo da mobilización que “o Partido Popular non pode facer negocio coa nosa saúde” e subliñou que o acceso á sanidade pública “é un dereito de todas as persoas, independentemente de onde residan, da súa condición social e da patoloxía que presenten”.
Corral esixiu que se remate coa taxa de reposición, coa precariedade laboral e cos recortes de persoal. Nese sentido denunciou que “a taxa de reposición, ademais de impedir cubrir os postos que fican vacantes, tamén impide incorporar novos profesionais para a cobertura as novas necesidades asistenciais”.
Por iso lembrou ás forzas políticas que asistiron á manifestación que “desde xa, teñen que exixir que, nos orzamentos do Estado do ano 2020, desapareza a taxa de reposición ou deixe de ser considerada como normativa básica, para que no SERGAS poidamos negociar un plano de emprego que permita recuperar as prazas amortizadas”.
Xoán Bouza, delegado da CIG Saúde A Mariña demandou tamén que o persoal sexa contratado polo motivo que provoca a súa contratación, respectando todos os dereitos: cómputo de xornada, libranzas, permisos e resto de dereitos e sinalou que “a directiva europea recolle que o persoal contratado non pode ter menos dereitos que o persoal fixo, que isto non se pode regular en función da duración do contrato, xa que as súas obrigas de prestación de servizo son as mesmas: fixos e interinos”.
Contra a política de desmantelamento e privatización do PP.
O sindicato nacionalista defendeu unha sanidade pública, universal e de calidade, que garanta a equidade no acceso de todas as persoas ao servizo público. Defendeu a dignificación das condicións laborais e rexeitou con contundencia as políticas do PP que teñen, dixo “o obxectivo de privatizar a sanidade e repartir beneficios a costa da nosa saúde”.