Viveiro, 8 de febreiro de 2020. O Concello de Viveiro deixou hoxe un inmellorable sabor de boca en Xantar 2020, o Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebra en Ourense, coa degustación dos seus productos.
En concreto, ofreceuse unha degustación gratuíta dunhas 300 racións de dous produtos gastronómicos vinculados a dúas das festas de Viveiro con declaración de interese turístico: a merluza do pincho (cociñada en empanada e salpicón) e o Pan dos Apóstolos (doce típico de Semana Santa).
Antes do inicio da degustación, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, realizou unha intervención na que ademais da gastronomía destacou que “somos un municipio hospitalario, de profunda pegada histórica e eminentemente turístico, dotado dos servizos dunha gran cidade e co encanto propio das pequenas vilas”.
En palabras da alcaldesa, “a natureza foi xenerosa con Viveiro, dotándoo de infinidade de paraxes extraordinarias: montaña, mar, ríos e praias, destacando entre estas últimas as de Area, Sacido e Covas, todas elas con recoñecidas distincións de calidade”.
“Viveiro ten no seu patrimonio histórico, tanto civil como relixioso, unha testemuña única da súa devir ao longo dos séculos; a mellor maneira de coñecer a súa historia é percorrendo as súas rúas, gozando da beleza do seu casco antigo e descubrindo os seus numerosos monumentos”, engadiu.
O concello contou cun stand propio en Xantar, no que durante os días da feira difundiuse o material de promoción turística do Concello e os folletos remitidos, para este fin, polos establecementos hostaleiros do municipio, ademais de diversos elementos procesionais facilitados pola Xunta de Cofradías da Semana Santa.
A concelleira de Turismo, Marisol Rey, mantivo reunións con varios touoperadores, atraídos desde hai tempo polo potencial que ofrece Viveiro durante todo o ano.