Nota de Prensa
Sae á rúa o voceiro do BNG de Xove:
Mañá, día 12 de abril, o BNG de Xove comezará a remitir aos aproximadamente 1.200 fogares do noso Concello O AGUILLÓN, veterano voceiro da formación nacionalista que inicia unha xeira ilusionante con novos contidos e facendo fincapé de xeito máis intenso no traballo que está a desenvolver a nosa formación política no eido municipal.
A renovación a nivel orgánico que vén de realizarse por unanimidade nos órganos de goberno do Bloque xovense, trouxo consigo o inicio dunha nova etapa tamén n’O Aguillón, que volverá a converterse no altofalante das ideas transformadoras do BNG e no medio prioritario na interrelación do Bloque cos veciños de Xove.
O obxecto da publicación que vos achegamos reflicte o intenso traballo que está a desenvolver o BNG de Xove a favor do benestar da veciñanza do noso Concello, buscando sempre a interacción cos nosos simpatizantes e estando abertos a calquera contribución que se queira facer ao noso proxecto político, que é o de todos e todas.