Viveiro, 5 de febreiro, 2020. O BNG de Viveiro ven de recibir un informe da Xunta de Galiza solicitado pola organización nacionalista, co fin de coñecer a evolución da praga da Couza Guatemalteca no seu termo municipal a raíz da preocupación amosada pola veciñanza ao enterarse pola prensa do levantamento da prohibición do cultivo da pataca nalgún dos concellos afectados por esta praga e, ao comprobar @s nacionalistas, que segue habendo unha total falta de transparencia e información oficial ao respecto desta problemática en Viveiro. “Unha Información que”, apunta a portavoz municipal do BNG Míriam Bermúdez: “segue sendo escasa, moi xenérica e pouco transparente a que nos trasladou o goberno de Feixóo.”
Os escasos datos remitidos pola Consellería de Medio Rural ao BNG viveirense sobre a evolución da Couza Guatemalteca neste termo municipal, desde o 2017, confirman que no concello de Viveiro rexistraronse dúas capturas da polilla guatemalteca no ano 2019, o que implica que a veciñanza deste concello seguirá sen poder cultivar patacas durante os próximos dous anos, cando menos, posto que a Xunta non levantará as restriccións deste cultivo en Viveiro, tal e como informou a Consellería @s nacionalistas, mentras se detecte a presenza da polilla nas zonas infectadas e entanto non se cumpra o artigo 15 do RD 197/2017, que estabelece que deben pasar un mínimo de “dous anos consecutivos” sen que se rexistren capturas para declarar o termo municipal libre desta praga.
O BNG de Viveiro critica a falta de eficacia na xestión da Xunta para loitar contra a praga da Couza Guatemalteca desde a súa aparición en Galiza, e lamenta que non fora capaz de adoptar ao longo dos últimos tres anos as medidas necesarias para eliminar esta praga no termo municipal de Viveiro e lograr así que a veciñanza, logo destes anos de prohibición, puidera volver a cultivar patacas neste 2020. “Por outra banda non se entende”, denuncia Míriam Bermúdez, portavoz municipal d@s nacionalistas, “que nin a Xunta de Galiza nin o Concello de Viveiro realizaran xuntanzas informativas periódicas e de asesoramento coa veciñanza, para mantela informada sobre as medidas implatadas para eliminar a couza, o tipo e número de controis realizados, trampas instaladas, evolución do número de capturas e zonas onde foron atopadas as polillas, entre outras”. Segundo a información que se nos trasladou desde Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, realizaronse tan só charlas informativas no 2017.
@s nacionalistas demandan do goberno autonómico do PP poña un maior interese e esforzo na eliminación desta praga, que tan importantes perdas está a ocasionar aos produtores da pataca e nas economías familiares, dotando ao Plan de Acción para a erradicación e control de Tecla Solanivora na C.A. de Galiza dos fondos orzamentarios suficientes para a implantación de máis medidas de control, máis traballo de campo e investigación e maior información e asesoramento á veciñanza.