Viveiro, 30 de xaneiro de 2020. O Concello de Viveiro acolleu esta tarde a presentación de ‘Referentes Galegas’, unha iniciativa da Asociación de Executivas de Galicia para darlle visibilidade ao traballo das mulleres que son referentes no seu ámbito profesional.
Na súa intervención, a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, asegurou que “para este concello, a loita pola igualdade de xénero é un obxectivo prioritario, traballamos cada día por implantar un modelo de concello no que a igualdade real sexa unha normalidade, un concello inclusivo e respectuoso en materia de xénero e diversidade”.
“É un traballo de todos e todas, unha tarefa común, pero aos representantes políticos nos corresponde tomar as medidas necesarias para non deixar de avanzar, polo que desde o Concello de Viveiro asumimos o noso compromiso de manter e reforzar todas as iniciativas dirixidas a que as novas xeracións cheguen á súa etapa adulta cos valores do respecto, a tolerancia e a igualdade entre mulleres e homes, tamén por suposto no eido laboral”, engadiu.
O acto foi na sala multiusos do Concello de Viveiro ás 18:00 horas e reuniu a diferentes autoridades e público xeral, que puideron escoitar a experiencia de mulleres referentes de distintos sectores. Actualmente, son xa máis de 250 mulleres as que forman parte desta gran base de datos.
A alcaldesa abriu o acto, dando paso á intervención da subdelegada do Goberno en Lugo, María Isabel Rodríguez López. A continuación iniciouse a mesa de presentación de Executivas coa participación de Carla Reyes Uschinsky, presidenta de Executivas de Galicia, e Verónica Teijeiro, consultora financeira e socia de Executivas.
A continuación, presentouse a mesa Referentes Galegas na que participaron Lida Enrich, coordinadora do proxecto Referentes Galegas; Ángeles Romero Rodríguez, catedrática da USC da área de Tecnoloxía dos Alimentos; Patricia Argerey Vilar, directora da Axencia Galega de Innovación, e Raquel Atadell, directora da sucursal Caixabank de Viveiro.
Na parte final do acto interviu a secretaria xeral de Igualdade da Xunta, Susana López Abella, antes de dar paso ao peche por parte da alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.