Lugo, 18 de xaneiro de 2020. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presentará o vindeiro xoves, 23 de xaneiro, a campaña Lugo,¡ven! na Feira Internacional de Turismo (Fitur),que se celebrará en Madrid, entre os días 22 e 26 deste mes. Tomé Roca dará a coñecer dúas novas aplicacións para dispositivos móbiles que teñen como finalidade difundir os principais atractivos da provincia e mellorar a experiencia do visitante.
O acto, que se desenvolverá no stand de Galicia, estará moderado polo recoñecido meteorólogo lucense Martín Barreiro, embaixador da provincia para o desenvolvemento de accións de promoción e consolidación da marca turística Lugo Cambia,e tamén participarán as alcaldesas de Lugo, Lara Méndez, e Viveiro, María Loureiro, e a primeira tenente de alcalde de Monforte de Lemos, Gloria Prada.
A Deputada de Turismo explica que o obxectivo da campaña Lugo, ¡ven!, que se integra dentro da marca Lugo Cambia, é mellorar a experiencia do visitante. “Queremos que quen veña á provincia de Lugo garde un recordo agradable da súa estadía, que a viva intensamente e planifique a súa viaxe do mellor xeito posible”. Precisamente, co obxectivo de lograr isto, a Deputación presentará a App gratuíta Inventrip, que inclúe información sobre uns 2.500 puntos de interese, incluídos elementos do patrimonio cultural e natural, rutas, artesáns, bodegas, empresas de turismo activo, restaurantes e establecementos turísticos. Un conxunto de información que lle permite ao visitante trazar unha ruta para chegar aos lugares que máis lle interesan ou poder descubrir os recursos que están máis preto da súa posición.
A outra ferramenta tecnolóxica que a Deputación presentará en FITUR é Lugo 360, unha aplicación tamén de balde, que a través da realidade aumentada permitirá facer unha viaxe a 25 localizacións da provincia a través de calquera dispositivo móbil.
A App abre unha contorna virtual que lle permite ao usuario unha visita inmersiva a calquera dos catro xeodestinos da provincia de Lugo (Ancares-Courel, A Mariña, Lugo-Terra Chá e Ribeira Sacra), co fin de motivalo a que faga unha visita real.
A Deputada de Turismo remarca a importancia de que a Deputación de Lugo faga unha presentación propia en FITUR das potencialidades turísticas da provincia. “É unha moi boa oportunidade para amosar todos os nosos recursos e oportunidades, e forma parte da nosa estratexia de impulso do turismo para xerar riqueza e emprego na provincia”. A Deputación de Lugo destina nos orzamentos 2020 máis de 2,4 millóns de euros ao desenvolvemento turístico, co fin de continuar mellorando “o moi bo número de visitas logrado no último ano”.
Unha promoción transversal
O Presidente da Deputación e a Deputada de Turismo participarán en diferentes actos e presentacións no marco de FITUR co fin de establecer sinerxías e novos contactos para mellorar a promoción da provincia. Entre outros, Tomé Roca intervirá no acto da Mancomunidade de Municipios da Mariña Lucense, así como na presentación da XII Guía Turístico- Gastronómica da provincia de Lugo E para comer, Lugo.