Cervo, 31 de xaneiro de 2020. O edil de Deportes, David Rodríguez, anunciou que a piscina municipal olímpica será a sede do Campionato Galego de Salvamento Deportivo nas categorías xuvenil, júnior, absoluta e máster, que se celebrará o 1 e 2 de febreiro; froito dun acordo de colaboración coa Federación Galega de Salvamento e Socorrismo de Galicia.
Rodríguez mantivo un encontro nas instalacións co director deportivo desta Federación, Daniel Vila, para perfilar todos os detalles do evento deportivo e coñecer as necesidades para o desenvolvemento desta proba que reunirá a 200 deportistas de toda Galicia, pertencentes a 12 clubs autonómicos.
A competición, que se desenvolverá en horario de mañá e tarde, arrincará o sábado, 1 de febreiro, ás 10:00 horas, e está previsto que remate o domingo 2, sobre as 19:30 horas.
Os participantes mediranse en diferentes probas de obstáculos, lanzamento de corda, remolque de boneco, relevo mixto e combinado, rescate con aletas ou remolque; entre outras modalidades.
O edil de Deportes recordou que aquí “en Cervo dispoñemos dunhas instalacións privilexiadas, únicas na provincia, e das poucas que hai en Galicia destas características; con todo o equipamento necesario que fan da nosa piscina un emprazamento de categoría para poder acoller probas como esta que de seguro espertarán gran interese entre a veciñanza do noso municipio, e dos arredores”.