Mondoñedo, 09 de xaneiro de 2020. O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Miranda celebrará o vindeiro venres 17 de xaneiro de 2020 ás 18:00h o primeiro bloque de actividades dentro do marco do proxecto “Impulso e promoción de experiencias á beira do Camiño de Santiago no territorio comprendido polo GDR Terras de Miranda”, subvencionado dentro do programa O Teu Xacobeo. Este proxecto afectará directamente aos concellos polo que atravesa o Camiño do Norte: Ribadeo, Barreiros, Lourenzá, Trabada e Mondoñedo e indirectamente aos concellos restantes que compoñen o GDR 01 Terras de Miranda.
As diferentes actividades teñen como obxectivo destacar a riqueza cultural, natural e humana vinculada co Camiño de Santiago na Mariña Lucense. Con isto preténdese divulgar e promocionar os diferentes recursos localizados neste territorio para o desfrute e coñecemento tanto da poboación local como para os visitantes.
A primeira actividade terá lugar no Concello de Lourenzá. Comezará cunha visita ao Centro de Interpretación da Faba, seguido dunha visita guiada á Cooperativa Terras da Mariña. Logo trasladaranse aos participantes da actividade ao Pazo de Tovar, no que desfrutarán dunha demostración de música e baile galego da man da Asociación Cultural Osorio Gutierrez acompañado dunha degustación de elaboracións a base de produtos de relevancia do territorio; a Faba de Lourenzá, a merluza de Celeiro, o bonito de Burela, o porco celta, entre outros.
Todas as actividades levadas a cabo neste proxecto son totalmente gratuítas e teñen prazas limitadas. Para mais información, pode contactarse con terrasdemiranda.turismo@gmail.com ou no 673 472 735.
Vindeiras actividades:
Unha viaxe no tempo a través do Camiño do Norte
Andaina polo Camiño do Norte
Cultura entre as mans – Artesanía de Terras de Miranda