Lugo, 16 de xaneiro, 2020. O Partido Popular urxe ao Goberno Central o arranxo da Nacional 634. Os populares fan esta petición no día de hoxe porque a Dirección Xeral de Tráfico vén de comunicar a restricción ao tráfico rodado de camións e autobuses no Alto do Fiuouco a causa do forte vento.
Dende esta formación consideran que, con temporais como o desta xornada, a mellora desta vía, na que o firme acusa un deterioro notable, se fai máis necesaria se cabe. E é que a N-634 é unha das principais arterias de comunicación da comarca e conta cun elevado tráfico que se incrementa considerablemente cando se limita o tránsito de vehículos pola A-8.
Por este motivo, dende o PP piden axilidade na mellora, pois aínda que se poña en marcha a solución innovadora para os problemas da névoa, en días de vento moi forte como o deste xoves se seguirá tendo que derivar o tráfico pola Nacional.