Lugo, 15 de xaneiro de 2020. A Deputada de Muller e Igualdade, María Loureiro García, presentou este mércores no Pazo de San Marcos xunto á coordinadora do Foro Feminista Maruja Mallo, Carmen Díaz Simón, o novo ciclo de Faladoiros Feministas que promove a institución provincial.
O ciclo comezará este venres co faladoiro de Towanda Rebels, ás 20:00 horas no Vello Cárcere de Lugo. Continuará ata o mes de maio coa celebración doutras catro citas, nas que intervirán Ana Iglesias, o 28 de febreiro; Marta Busquets, o 13 de marzo; Carmen Castro, o 24 de abril, e Mabel Lozano, o 22 de maio. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.
Esta iniciativa posta en marcha pola Deputación de Lugo e o Foro Feminista Maruxa Mallo ten como obxectivo a conexión do feminismo coa cidadanía, propoñendo alternativas para situacións derivadas da estrutura social patriarcal, empoderar ás mulleres e loitar contra as violencias machistas. A Deputación colabora cunha achega de máis de 13.000 euros e tamén coa gravación dos faladoiros e a súa difusión en redes sociais a través do departamento de servizos audiovisuais.
María Loureiro subliñou que “este tipo de iniciativas son moi importantes para avanzar cara a transformación social, imprescindible para vivir en igualdade. Desde a Deputación de Lugo apoiamos con orgullo estes faladoiros, que buscan aportar ferramentas e recursos para favorecer a igualdade, identificar as causas da opresión da muller e definir propostas de solución”.
As conferencias
17 de xaneiro. Faladoiro con Towanda Rebels. É unha canle de comunicación feminista formada por Teresa Lozano e Zua Méndez, comunicadoras e amigas, que atopan no feminismo unha forma de ser, de entender e de mirar a vida. Dúas mulleres que son quen de desactivar o patriarcado con risa, ironía e crítica.
28 de febreiro. Faladoiro con Ana Iglesias. Decana en Ciencias da Educación pola UDC, doutora en Psicopedagoxía e coautora de Educar en la ciudadanía, unha obra que sinala a necesidade de asumir a desigualdade de xénero como un dos núcleos estruturais que dificultan o pleno desenvolvemento da cidadanía.
13 de marzo. Faladoiro con Marta Busquets, licenciada en Dereito que se especializou en Dereito sanitario centrado nos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, así como no Dereito en relación coa lactancia e a maternidade.
24 de abril. Faladoiro con Carmen Castro,activista e feminista, e autora do libro Políticas para la igualdad.
22 de maio. Faladoiro con Mabel Lozano. Escribiu no 2017 El Proxeneta, unha historia real contada en primeira persoa, sobre un tratante de mulleres. No libro repasa a evolución da prostitución e a trata en España desde a década dos 80.