Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2020. A parlamentaria socialista Patricia Otero vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias para esixirlle á Xunta que garanta a continuidade dos paridoiros comarcais, sinaladamente os de Monforte e Burela. A parlamentaria luguesa quere que a Xunta aclare se estenderá o peche do paridoiro de Verín a outros hospitais comarcais de Galicia.
Otero alerta de que “este tipo de política” de peche de servizos “supón unha ameaza para os hospitais comarcais, en concreto o de Monforte, que en 2018 rexistrou 318 nacementos, e o de Burela, con 350 bebés nados nese mesmo ano”. Sinalou que “no canto de gabarse por estes nacementos, a política da Xunta vennos a dicir que esta cifra é insuficiente” e sitúa sobre os paridoiros de Monforte e Burela “a ameaza de seguir o mesmo futuro que o de Verín”.
A responsable socialista lembra que o peche do servizo naquel centro hospitalario foi “fundamentado pola Consellería de Sanidade na perda de poboación e o descenso de nacementos”. Sinalou que esta política “levará a unha espiral negativa, provocando unha maior perda de poboación, xa que a retirada de servizos actúa como un elemento disuasorio á hora de fixar ou atraer xente ao rural”.
Sinalou que este modelo “prexudica especialmente ás mulleres, ás que se lles quita a posibilidade de dar a luz no centro de referencia máis achegado”, cando entre os primeiros síntomas de parto e o ingreso definitivo “poden pasar varios días”. A Xunta converte así a última etapa do embarazo “nun rosario de desprazamentos entre o domicilio e un hospital afastado, co impacto emocional, a molestia para a familia e o risco engadido para a saúde que implica”.
Patricia Otero reclámalle así á Xunta “accións concretas para reverter a política de perda de servizos sanitarios no rural, coa adopción de medidas que permitan deseñar un mapa sanitario racional”. Apunta que o servizo público “debe primar a igualdade na prestación de servizos en todo o territorio e contribuír así ao asentamento de poboación no rural”.