Viveiro, 10 de xaneiro de 2020. O Concello de Viveiro remitirá a vindeira semana unha carta á Consellería de Sanidade da Xunta e á Delegación Provincial de Lugo, solicitando na mesma unha reunión urxente para aclarar a situación real na que se atopa o PAC de Viveiro.
En concreto, o concello quere falar coa Xunta do funcionamento diario do coentro sanitario e da carencia de persoal detectada xa desde hai tempo, o que provocou bastantes protestas dos usuarios.
Nesta carta porase de manifesto a protesta do Concello de Viveiro porque a praza de médico que ocupaba Isabel Rodríguez, actual subdelegada do Goberno en Lugo, está sen cubrir de forma continuada cando debería estar cuberta por unha interinidade ata que se reincorpore a titular ou ata que saia en concurso. Dende que Isabel Rodríguez marchou pasaron por esa praza, de forma temporal, 4 ou 5 persoas.
“Ademais, sucede con certa frecuencia que cando os médicos do centro se atopan de baixa ou disfrutando de vacacións reglamentarias, estas ausencias non son cubertas, producíndose unha sobrecarga para os demais facultativos cos conseguintes retrasos na atención”, afirma a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
O Concello de Viveiro ten coñecemento ademais de que hai creada unha praza de médico para a quenda de tarde que non está cuberta; terían que ser 11 médicos e son 10.
“Esta falta de facultativos repercute na veciñanza e, polo tanto, é un problema deste concello, para o que a sanidade pública e unha prioridade”, engade Loureiro.