Lugo, 07 de xaneiro de 2020. A provincia de Lugo, coas tres novas incorporacións previstas en 2020 –nos concellos de Baleira, Ribas de Sil e Navia de Suarna- acabará esta década, con 19 casas niño a pleno rendemento, que ofertan 95 prazas. Son un servizo de conciliación e atención á infancia (de nenos e nenas de entre 0 e 3 anos) emprazados nos concellos do rural e, grazas ao apoio da Xunta, gratuítos para as familias usuarias.
En cada unha das Casas niño aténdese de xeito personalizado e cun horario flexible ata un máximo de 5 nenos de 0 a 3 anos. Son as persoas promotoras desta iniciativa as encargadas de prestar este servizo, todas elas profesionais que contan con titulacións relacionadas con educación infantil, experiencia nese ámbito ou que realizaron os cursos que organiza con este obxecto a Xunta de Galicia.
Con estes novos equipamentos contribúese a fixar poboación –pois achega recursos ao rural- e tamén a dinamizar a economía local, xa que favorecen o autoemprego da persoa responsable da atención e coidados dos menores na casa niño.
Apoio da Consellería de Política Social
A Consellería de Política Social financia, a través dunha orde de axudas específica, as obras de adaptación do inmoble no que se empraza a Casa niño, cun máximo de 15.000 euros para que cumpra todos os requisitos de seguridade e a normativa pública sobre atención infantil. A Xunta tamén financia o salario da persoa responsable da Casa niño, neste caso cunha achega para atención educativa que ascenderá a 19.600 euros ao ano, o que garante a gratuidade do servizo.
“Cada neno que nace no rural galego é un tesouro, para os concellos máis pequenos aínda con máis razón. A Xunta presenta unha alternativa que se ten amosado moi útil, un servizo de conciliación e atención á infancia de gran valor para o rural, e para loitar contra a despoboación e o envellecemento”-explicou Balseiro
Precisamente o delegado territorial da Xunta en Lugo, acompañado de Lucía Mosteiro e Cristina Casasempere, promotoras das Casas niño de Baleira e Ribas de Sil respectivamente, promotoras de dúas das tres novos centros que abrirán as súas portas este ano, explicaron as características do proxecto.
As 16 casas niño restantes, xa plenamente operativas, sitúanse nos concellos das Nogais, Begonte, Xermade, Castroverde (2), Folgoso Do Courel, Láncara, O Corgo, Portomarín, Riotorto, Ourol, Paradela, Pobra Do Brollón, O Páramo, Rábade, Triacastela, Baleira, Navia De Suarna e Ribas De Sil.
Todas elas están emprazadas en concellos de menos de 5.000 habitantes, co único requisito de que estes municipios non dispoñan dunha escola infantil ou dunha gardería, dun servizo alternativo de conciliación.
Novidades
A última convocatoria das axudas da Xunta para a creación de novas Casas niño, que se resolveu o pasado mes de decembro, inclúe varias novidades: incrementouse a contía do anticipo por atención educativa que reciben as promotoras durante o primeiro ano, que pasa do 35 ao 100% da subvención que lles corresponde e, nas sucesivas anualidades este anticipo pasa do 35% ao 75% para todas as casas niño en servizo.
Por outra banda, ao igual que acontece nas escolas infantís públicas, todos os nenos e nenas que acudan as casas niño deberán ter o calendario de vacinación ao día.