BARREIROS (FNC) .- O alcalde asegura que é o equipo de goberno o que realmente se preocupa por todos os veciños de Barreiros. Alfonso Fuente sinala que os veciños afectados polas segregacións xa firmaron as actas de renuncia, ao igual que fixeron os construtores, para iniciar os trámites e chegar a un acordo coa Consellería.
Alfonso Fuente resposta así ás críticas verquidas nas últimas horas polo BNG sobre o convenio urbanístico “a boas horas, si o equipo de goberno non se preocupase dos veciños de Barreiros a boas horas ían estar esperando polo BNG”. O rexedor sinalou que “precisamente xa tivemos dúas reunións cos veciños afectados polas segregacións e na tarde do martes a propia secretaria municipal se desprazaba para recoller as firmas das actas de renuncia da responsabilidade patrimonial, ao igual que se fixo cos construtores, para iniciar os trámites todos e chegar a un acordo coa Consellería e poder retirar todos eses contenciosos”.
Fuente Parga insiste en que “a boas horas se acorda o BNG, se non fose que hai un equipo de goberno que traballa… e hai outro dito que di que cando vostedes van nós xa vimos de volta e xa estamos traballando no asunto porque nos preocupa de todo o mundo”.