Lugo, a 30 de decembro de 2019. Os senadores do PP por Lugo, xunto co resto dos seus compañeiros de Galicia, formulan varias preguntas ao Goberno central en relación co peche da venda presencial de billetes en oito estacións de ferrocarril en Galicia, das cales tres (Sarria, Viveiro e Burela) están na provincia de Lugo.
O senadores populares queren saber se Renfe rectificará a inxusta decisión de suprimir a partir de xaneiro de 2020 o servizo de venta presencial de billetes nas estacións de O Carballiño, Ribadavia, Ortigueira, Burela, Sarria, Viveiro, Guillarei e Redondela. Din que esta decisión priva aos usuarios dun servizo que estaba previsto que se mantivera.
Igualmente, queren que o Goberno explique cales son os motivos polos que Renfe, sen corrixir un erro administrativo imputable ao Administrador de Infraestruturas Ferroviarias mediante unha nova licitación, anuncia agora o peche da venda presencial de billetes nas estacións xa citadas e por que razón ADIF non rectificou o seu propio erro administrativo.
Os senadores populares por Galicia preguntan se é consciente o Goberno de España de que a supresión da venda presencial de billetes en estacións do rural de Galicia supón ir en contra dos principios de mantemento de servizos de calidade e proximidade dos cidadáns no rural, sendo como é un servizo público esencial que debe primar por riba dos meros obxectivos económicos.