De novo, a falta de proxecto de País e a continua débeda de inversión das distintas administracións do Estado con Galicia, poden ser unha nova oportunidade para Galicia, paradoxo. A nosa pobre situación industrial e competitiva supón hoxe unha vantaxe. A emerxencia climática e a firmeza coa que parece que Bruxelas quere actuar neste campo supón unha conxuntura para que dende Galicia se ocupe a vangarda no cambio de modelo cara a “New green deal”.
Os recentes movementos da administración de Sánchez, sempre co aplauso do Sr. G. Caballero máis preocupado de agradar en Ferráz que en calquera vila galega, veñen de fusilar a xa feble industria galega: As térmicas, Alcoa e as electro intensivas xa as liquidou o PSOE, case transformando a produción industrial galega en referente verde pola vía da castración. Porén dende a administración galega tampouco se está a propoñer un cambio produtivo e o aproveitamento da situación, presionando politicamente para manter o modelo no canto de presión ar para atraer inversión verde en empregos verdes nas zona afectadas, sen esquecer que esta último está nas prioridades da UE, que valora que a economía máis adaptada a este forzoso cambio, medrará un 2% e xerará moito emprego, a que esperamos logo?
Galicia é hoxe vítima da conxunción de dúas opcións políticas nefastas e da falla de vontade de dialogo. Por un lado o PSOE quere ser o referente europeo do Green Deal para ego de Sánchez, pero sen valorar a medio prazo e pola tremenda facendo pagar a Galicia e de seguro investindo as bondades e recompensas de Europa no Levante. Por outro lado a política Feijoo, nunha administración lenta e esgotada de ideas e coa visión política de fai 15 anos que busca o voto rápido na confrontación con Sánchez e o goberno central, defendendo deixar todo como está, cando iso sabe que non pode ser.
O camiño ten que ser outro que artelle unha medida equilibrada: dun lado unha transición ecolóxica de tres lustros e paulatina, investindo os fondos verdes nas zonas de impacto: Mariña, As Pontes, Zona Interior … para garantir o mantemento e o crecemento do emprego e aproveitar as infraestruturas xa existentes, como os portos. Doutro lado a aposta de políticas da axenda verde, Galicia ten potencial de transformación e ten recursos directamente implicados no cambio produtivo. Especializar a nosa política agro gandeira, que pronto non poderá competir con África, e converter Galicia no referente da política verde europea captando fondos e conseguindo emprego e un mellor entorno onde vivir cumprindo co planeta, mais non se están dando hoxe os pasos precisos. Imos quedar sen industria, sen saída e sen oportunidade.