Ribadeo, 26 de decembro de 2019. Os locais hostaleiros asociados a Acisa desfrutarán dunha ampliación de 3 horas mais sobre o seu horario habitual de licenza durante a madrugada de Fin de Ano, do 31 de decembro ao 1 de xaneiro.
Desde Acisa subliñan que “a devandita ampliación ten como hora límite as oito da mañá do día de Aninovo”. E engaden que “a Policía Local conta co listado dos establecementos que se poden beneficiar desta ampliación horaria, que son os socios de Acisa, así como con copia das autorizacións emitidas”.
A Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos tramitou tamén a autorización de ampliación dunha hora sobre o horario habitual para o sector hostaleiro durante o primeiro trimestre de 2020. En xaneiro serán as madrugadas do 3 ao 4, do 4 ao 5 e do 5 ao 6; en febreiro as madrugadas do 14 ao 15, do 15 ao 16, do 21 ao 22, do 22 ao 23, do 24 ao 25 e do 29 de febreiro ao 1 de marzo; e no terceiro mes do ano serán as madrugadas do 18 ao 19, do 20 ao 21 e do 21 ao 22.
Acisa enviou correos electrónicos aos seus asociados e asociadas para informalos sobre estas ampliacións horarias cos documentos acreditativos e pídelles que “os conserven nos seus establecementos”.
Desde a patronal ribadense engaden que “esta asociación solicitou unha ampliación horaria para todas as madrugadas dos sábados do ano, para que todos os establecementos puidesen aproveitar o día de máis movemento festivo da semana, pero aínda tendo o informe favorable do Concello este foi denegado pola Xunta, por considerar que non se enmarcaba dentro da normativa vixente”.