Cervo, 24 de decembro, 2019. Dita plataforma nace ante os difíciles retos que a factoría de San Cibrao atravesa, creándonos a necesidade de dar voz ao milleiro de obreiros/as que traballamos directamente para Alcoa en empresas auxiliares.
Os nosos problemas, como traballadores de auxiliares, poden distar dos problemas da plantilla da empresa principal, e a nosa organización é unha cuestión de supervivencia. A nosa voz debe ser escoitada, porque o noso posto de traballo tamén depende o 100% da factoría de San Cibrao.
Vímonos de constituír nunha xuntanza realizada este luns no salón de actos do edificio dos sindicatos en Viveiro, cunha asistencia de 30 delegados/as das empresas Reymogasa,Cotelsa, Cyrgasa, Terpil, Jofrasa, Noguera, Industrias Xove, Pasek, Garmil, Maesa e Isotrón. Cunha masa social representada duns 650 traballadores/as.
Por votación unánime acordouse a creación da citada, así como a representación que cada sindicato terá na mesma, a cal estará constituída por 9 membros, 3 en representación de cada sindicato (CIG-CCOO-UGT), os 9 membros reuniranse o vindeiro luns 30/12/19 e botarán a andar a plataforma coordinadora.