Santiago de Compostela, 20 de decembro do 2019. A portavoz de Pesca do Grupo Socialista, Patricia Otero Rodríguez, sinalou o desleixo da Xunta de Galicia co Porto Chico de Foz, logo de que este confirmara que tampouco realizará a dragaxe comprometida en 2020. Así o denunciou nunha pregunta en Comisión á presidenta de Portos de Galicia, na que lle reclamou a posta en marcha dunha partida orzamentaria específica para acometer a dragaxe do porto.
Patricia Otero denunciou que todo foi unha “campaña publicitaria” por parte da Xunta que non se concretou en accións concretas e pediu datas concretas para a realización das obras pendentes no Porto Chico. Destacou a “promesa incumprida” feita pola presidenta de Portos de Galicia que lle anunciara á Asociación A Ribeira de Foz a existencia dunha partida “dentro dos gastos xenéricos de Portos” para poder iniciar “os estudios correspondentes” para comezar co proxecto de dragado.
A responsable socialista lembrou que o PP rexeitou, no debate de orzamentos para o ano 2020, unha emenda do Grupo Socialista para destinar 850.000 euros a esta intervención, co que demostran que “non é unha obra prioritaria para a Xunta de Galicia”. Así o confirmou a propia responsable de Portos de Galicia, que anunciou o comezo dos trámites para contratar unha asistencia técnica pero que en ningún caso farían a dragaxe en todo 2020.
Otero acusou ao goberno galgo de encetar unha “nova campaña de publicidade” con unha intervención prioritaria para as embarcacións que utilizan o porto chico e que quedan en dique seco cando baixa a marea. Lembrou que no pasado verán “os socorristas de Barreiros tiveron que actuar desde a praia para socorrer a varios bañistas ante a imposibilidade de empregar a súa zodiac” debido á falta de calado do porto que impediu a súa saída.
Lembrou que o problema xa fora tratado nunha sesión no ano 2018, onde se aprobou a obra de dragaxe que debía realizarse de forma urxente. A día de hoxe a situación “segue sendo a mesma e a Xunta segue sen tomar medidas”. Reclamou que “non caia en meros anuncios da Xunta, como o segundo martelo do Porto de Burela, que ano tras ano anuncian partidas orzamentarias que despois non executan, as trasladan para o ano seguinte e a obra segue sen executarse.”.
Criticou que o goberno galego non se tome en serio esta actuación que está a reclamar a Asociación A Ribeira dende o ano 2015 en que detectaron a necesidade da intervención. Criticou ademais o incumprimento do mandato parlamentario a través dunha Proposición non de Lei pedíndolle á Xunta esta intervención e que fora aprobada por unanimidade na mesma Comisión hai apenas dous meses.