Barreiros, 21 decembro 2019. Coincidindo co Día Mundial das Migracións inaugurouse en San Miguel de Reinante, nas antigas escolas habaneras, construidas a principios do século XX pola Sociedade “Hijos de San Miguel y Reinante en la Habana”, a exposición “Culturas en Diálogo – Somos migrantes, abrimos camiños”. A exposición poderase visitar ata o 30 de decembro.
Unha exposición que recolle unha parte da historia da nosa emigración
Esta exposición, elaborada e deseñada pola Rede Museística Provincial de Lugo, da Área de Cultura da Deputación e que está circulando por todo o país desde 2014, pertence ao proxecto de museoloxía social e diálogo intercultural denominado Culturas en Diálogo Lugo-Arxentina, proxecto no que participaron e colaboraron diversas asociacións e persoas vencelladas a diferentes actividades artísticas e culturais de ambas beiras do Atlántico fomentando o intercambio de culturas. Entre os artistas que colaboraron está tamén o fotógrafo barreirense Xosé Reigosa.
A xerente da Rede Museística, Encarna Lago foi a encargada de guiar aos asistentes nesta exposición, explicando a mesma, acompañada pola presidenta do Seminario de Estudos “Os Espigueiros” Noela Fernández Soto, a deputada provincial Mónica Freire Rancaño e a alcaldesa de Barreiros Ana Ermida, que tamén interviron no acto de inauguración.
O antigo Edificio Escolar da Sociedade “Hijos de San Miguel y Reinante”, un emblema histórico e cultural
A Rede Museística Provincial de Lugo, o Concello de Barreiros e o Seminario de Estudos “Os Espigueiros” escolleron as antigas escolas habaneras de San Miguel de Reinante para esta exposición, polo significado e a historia que este noble edifico atesoura, memoria viva da emigración barreirense e mariñá a América a finais do século XIX e principios do XX. Na exposición, ademais de fotografías e material relacionado coa emigración a Arxentina e Uruguay poderase contemplar tamén parte do fondo fotográfico e documental sobre a emigración a Cuba, recopilado polo Seminario de Estudos “Os Espigueiros”, de San Miguel.
O antigo Edificio Escolar da Sociedade “Hijos de San Miguel y Reinante”, construido a principios do século XX, foi remodelado e rehabilitado pola Área de Cultura da Viceprensidencia da Deputación no ano 2013, invertindo no mesmo a entidade provincial 310.775,80€, e desde aquela alberga numerosas actividades culturais, sociais, educativas e de lecer, organizadas por diferentes asociacións do concello, seguindo así o ronsel e a filosofía das súas orixes primixenias que tan ben definiron aqueles filántropos da diáspora.