Foz, 16 de decembro, 2019. A evolución do seu traballo pasa por indagar en espazos que sempre lle espertaron interese pero que só nos últimos anos adquiriron unha relevancia maior. Tanto a fotografía como a poesía estiveron presentes na súa traxectoria discretamente, aportando matices, enriquecendo e ampliando a contorna que ían marcando a escultura e a instalación. Hoxe comparten tempo e procesos e, con frecuencia, establecen relacións tan próximas que resulta difícil saber onde está realmente a orixe dalgunhas creacións. Cada disciplina dispón de autonomía dabondo para achegarnos a experiencias perceptivas ben diferentes.
Esta mostra, aínda que pode sorprender, resume á perfección os cambios que se foron dando, dun xeito pausado, sen guión previo, deixando aflorar unicamente as necesidades estéticas e conceptuais de cada momento. Seguen presentes as mesmas teimas: o interese por narrar, a seriación, o social, etc.
“A métrica do ilusionismo”, é unha viaxe introspectiva do autor,pero tamén un empeño por compartir as súas paisaxes e un xeito de entender o mundo.