Lugo, 14 de decembro de 2019. Mantendo o seu liderado en defensa do futuro de Alcoa, na mañá de hoxe unha numerosa representación do Partido Popular de Lugo participou na nova concentración, esta vez na capital, para reclamar do Goberno central a adopción das medidas precisas para garantir o futuro de Alcoa-San Cibrao, unha industria que da traballo a unhas 2.000 persoas e que representa o 30% do PIB da provincia. Pasan os días e o Goberno non adopta as resolucións precisas para que Alcoa poida competir en igualdade de condicións, en canto o custo da enerxía eléctrica, coas empresas europeas do sector.
No Partido Popular de Lugo asístese con fonda preocupación ao dobre e cambiante discurso que mantén, en todo o que ten que ver con Alcoa, o PSOE, ese partido que fai tempo deixou de ser Español e Obrero para converterse no Partido Sanchista. Os socialistas lucenses anunciaron onte que nesta concentración habería unha ampla mostra do seu partido. A isto chámase xogar a ser Goberno e oposición ao mesmo tempo. Ten o seu aquel que os socialistas participen nunha concentración diante da Subdelegación do Goberno, é dicir, un organismo dirixido por eles mesmos; o PSOE maniféstase contra si mesmo.
Os populares cren que sería moito menos teatral e moito máis operativo que en vez de manifestarse visitaran ao presidente Pedro Sánchez, secretario xeral do PSOE, para dicirlle que faga o que ten que facer con respecto a Alcoa, é dicir, en relación coas industrias electrointensivas. Sería moito máis fácil, moito más práctico e eficaz, para garantir o futuro de tan importante industria para A Mariña, en particular, e para Lugo, en xeral. Se, como dixo a secretaria provincial do PSOE, apoian un prezo xusto da enerxía, a onde teñen que ir é a falar con Pedro Sánchez.
O verdadeiro problema de Alcoa é que non pode competir en igualdade de condicións co resto da industria europea por culpa do elevado prezo da electricidade. Esgótase o tempo, para a empresa e para as familias e cada vez hai más risco de que, aínda que se arbitren medidas reguladoras, cheguen tarde. O Goberno ten que reaccionar, abandonar a inacción, e aprobar as medidas que garantan un prezo da enerxía asumible.