Barreiros, 13 de decembro de 2019. O 5 de xaneiro terá lugar a Carreira Popular Solidaria de Reis (7km) e a I Andaina Solidaria (10km), ámbalas dúas organizadas pola área de Dinamización e Participación Veciñal do Concello de Barreiros que este ano colle o relevo da organización dunha carreira que se iniciou fai xa 20 anos.
“Queremos darlle un novo enfoque a esta mítica carreira, retomando na proba absoluta un dos circuítos que mais lle gusta ós/ás corredores/as, cunha distancia de 7 km e a creación da primeira andaina solidaria que compartirá parte do recorrido da carreira e contará cunhas vistas espectaculares no entorno da Lagoa dos patos e a Ría do Masma” indica o edil Dani García.
Unha proba solidaria
Parte do recadado coas inscricións tanto na carreira como na andaina será doado a APNED (asociación de pais e nais de nenos con discapacidade da Mariña Lucence) con sede en Barreiros, e da cal forma parte Nico Veiga que foi un dos precursores da carreira no ano 2000. “Decidimos darlle un novo impulso a esta proba mantendo as raíces e a súa razón de ser, unha proba para os verdadeiros/as reis e raíñas, os/as nenos/as, polo que colaboramos cunha asociación que traballa día a día con eles/elas e tamén é unha forma de agradecerlle ós precursores desta carreira, tanto Nico, Suso e os demais colaboradores que sempre fixeron desta data un referente polos seus valores” comenta Dani García, concelleiro de Dinamización e Participación Veciñal.
O prazo de inscrición, que xa se atopa aberto, finaliza o 2 de xaneiro. As inscricións para as categorías menores será de balde e formalizarase dende a web www.championchipnorte.com. Para a inscrición da andaina existe tamén a posibilidade de facelo na Biblioteca Municipal ou no Concello.
Dende o Concello de Barreiros animan a toda a veciñanza a que participe nas probas así como agradecen a todas as empresas e particulares que desexen colaborar co evento.