Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2019. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de limpeza e conservación nos treitos interurbanos do río Ouro, no municipio de Alfoz.
Os traballos de Augas de Galicia coinciden cos tramos deste ríos no seu percorrido polas parroquias de San Pedro de Mor, O Castro de Ouro e Carballido.
As tarefas que se están a realizar forman parte dos traballos de mantemento destes tramos en áreas con risco potencial de Inundacións, centrándose na retirada de árbores mortas e madeira acumulada, así como elementos susceptibles de causar atoamentos, e tamén rozas selectivas puntuais. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.
Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-Norte e as súas zonas de acceso e protección.
Mediante este tipo de traballos, o organismo hidráulico da Xunta ten como obxectivo a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.