Lugo, a 05 de decembro de 2019. O goberno máis caro da historia da Deputación someteu hoxe a aprobación fóra de prazo, extemporaneamente, uns orzamentos para o 2020 (totalizan 91,7 millóns) que só teñen de positivo o que se mantivo do correspondente ao ano en curso, é dicir, aprobado no mandato pasado. Así definiu a portavoz do Grupo Provincial Popular, Elena Candia, os orzamentos e o contexto no que se aprobaron na sesión plenaria desta mañá, coa abstención dos populares. Indicou que o bipartito PSOE-BNG «en vez de facer un orzamento para as persoas residentes na provincia, fixo un orzamento contra Feijóo; intentan desgastar a Administración que máis inviste na provincia, que aposta por Lugo de maneira clara e decidida». Lamentou que non se reflictan medidas eficaces para loitar contra o despoboamento ou iniciativas que permitan liderar na provincia «unha importante feira de turismo interior».
Candia comezou a súa intervención afeando ao presidente da Deputación que non cambiase a fecha fixada para o pleno por coincidir coa reunión convocada polo comité de Alcoa-San Cibrao cos alcaldes de A Mariña. Esta cita foi fixada antes da convocatoria formal do pleno. A voceira popular explicou que o comité convocou a reunión “unha vez coñecidas as últimas noticias publicadas no Boletín Oficial do Estado sobre a poxa de interrompibilidade que deixan á factoría nunha situación bastante peor na que estaba a semana pasada”. A popular sinalou que “así llo advertín ao presidente antes de que a convocatoria estivera cursada”.
Elena Candia Candia destacou que os orzamentos provinciais chegan fora de prazo o que supón dificultades para os concellos da provincia; os que elaboraron os seus propios orzamentos en tempo, tiveron que facelo sen coñecer concretamente canto van recibir da Deputación. A voceira do Grupo do PP na corporación provincial e tamén presidenta do Partido Popular na provincia de Lugo esixiu no seu momento ao goberno provincial que “trouxeran en prazo este proxecto” porque “hoxe máis ca nunca, debemos insistir en que estamos ante o goberno máis caro da historia da institución provincial”. Destacou que no PP defenden “que para traballar hai que ter medios; pero, evidentemente, tamén temos que esixir que se traballe máis e mellor”. Ademais de tardar en presentar os orzamentos, a popular citou dous exemplos da escasa eficacia do goberno presidido por José Tomé: o retraso en resolver as axudas de cultura deste ano 2019 e a convocatoria das deste mesmo ano a deportistas individuais hai escasas horas. Estes retrasos, dixo, “causan graves prexuízos na provincia”.
A portavoz dos populares comparou algunhas partidas do orzamento do 2020 co do ano en curso, despois de deixar constancia de que lle parece pouco elegante «que na propia memoria do proxecto orzamentario se cuestione a etapa anterior”, cando «das poucas cousas positivas que se poden poñer enriba da mesa sobre este orzamento é o que se mantivo do goberno anterior”. Candia foi desmontando a argumentación coa que o goberno defendeu o proxecto orzamentario. Así, sobre a suposta aposta polo benestar, servizos sociais e políticas sociais di a popular que “conta con partidas que baixan dunha maneira moi considerable con respecto ao orzamento do ano en curso». Igualmente, neste eido tamén baixa a partida que se destina á construción das residencias da terceira idade, «nunha cantidade que chama a atención tendo en conta que na memoria non se fai unha descrición nomeada dos concellos que teñen asinado un protocolo ou convenio, pero si recoñecen que se van a manter os compromisos; é difícil cando hai máis compromisos e menos diñeiro”. Engadiu a dirixente dos populares lucenses que “é certo que hai unha cantidade que si se incrementa para o mantemento deses tres centros que neste momento están en funcionamento; é un asunto que sería obxecto dun debate monotemático o da xestión das residencias, que primeiro ía construír Suplusa, despois ían querer prazas públicas da Xunta, logo querían xestionalas en solitario”. Neste senso, Candia sinalou que “vou ter que darlle a razón ao presidente na súa preocupación porque pensan que se poñen en funcionamento 6 e teñen 5 millóns de euros, imaxínense cando estean funcionando todas; non van chegar 13 millóns de euros destes recursos”.
Candia destacou que tamén baixa a partida para infraestruturas (cae máis de 800.000 euros)e considerou mínima a suba das correspondentes a turismo e para o sector primario. Segundo a análise dos populares, tamén baixa o importe do Plan Único, se ben a este respecto sinalou que o PP agradece que se manteña este plan, xestado no pasado mandato por impulso dos populares. Igualmente, baixan as partidas para fomento do deporte (473.000 euros menos) e da cultura.
«O único que entendemos que está ben é o Plan Único», declarou Candia. No orzamento, o PP bota en falta melloras no servizo de teleasistencia, por exemplo, a implantación de xeolocalizadores.
Candia puxo ao Bloque fronte a decisións recentes. Dixo así que os nacionalistas cualificaron o orzamento de 2019 como «chapuceiro», mentres que agora respaldan o de 2020 que, en opinión da voceira popular, é peor que o anterior. Recordou neste sentido que se reduce a cantidade consignada en practicamente todas as partidas.
Relación de Postos de Traballo
O grupo popular abstívose na votación da modificación puntual da Relación de Postos de Traballo. O deputado José Antonio García botou en falta que os cambios non inclúan máis recursos humanos para reforzar o servizos de asesoramento aos concellos. Igualmente puxo de manifesto a súa preocupación pola falta de concreción con respecto ao futuro dos traballadores das residencias da terceira idade e de Suplusa.