Cervo, 4 de decembro de 2019.- O rexedor de Cervo, Alfonso Villares, amosou no día de hoxe a súa preocupación ante as últimas novas difundidas sobre os cambios de criterio na poxa de interrumpebilidade “que poñen á nosa Comarca nunha situación verdadeiramente crítica”, ao reducir máis da metade a potencia, eliminando ademais os bloques “que realmente interesan á nosa empresa do aluminio para garantir a súa viabilidade”.
Villares precisa que este cambio de criterio agora é unha “evidencia máis de que o Goberno central está enganando de forma reiterada a todos os Mariñáns, á Comarca, e a toda a provincia de Lugo”. Primeiro no mes de abril, logo en novembro antes das eleccións e coa visita da Ministra á fábrica, “vendendo fume sobre un suposto borrador de electrointensivas que está desaparecido, que ninguén viu”, e agora isto, –subliña Villares- “unha nova xerra de auga fría sobre todos nós”.
O rexedor repróchalle ao executivo do Estado unha actitude incomprensible e inxustificable coa nosa zona que “leva máis de ano e medio necesitando un prezo da enerxía competitivo ao nivel de Europa, sen ter resposta”.
Aquelas persoas que queiran abrir os ollos –engadiu- que os abran e os que nos que sigan vivindo no engano “porque con estes pasos que está dando o Goberno central “non só quere pechar a nosa empresa do aluminio, quere pechar toda a Comarca, porque nos está condenando a unha despoboación brutal e irreparable”, apuntou.
O Goberno non se pode escusar en que está en funcións “porque tanto como modificou os criterios da poxa á baixa, podíao ter feito á alza, pero cada medida que toma ou máis ben que non toma nesta materia, está a ser un completo despropósito para A Mariña”.
O Concello de Cervo pechará hoxe as instalacións municipais ás 19:30 horas para favorecer a asistencia dos/as empregados/as á concentración que terá lugar na Praza Conde Fontao en Foz, ás 20:00 horas.