Burela, 4 de decembro, 2019. Burela acolle a vindeira semana a celebración do primeiro Congreso Nacional de Artes de Pesca, que terá lugar no Salón de Actos de Armadores de Burela ABSA durante o xoves 12 e o venres 13 de decembro.
O Congreso, que promove a Fundación EXPOMAR, ten como obxectivo a posta en valor das artes de pesca en perigo de desaparición, así como o intercambio de coñecementos sobre as artes doutros territorios de ámbito nacional.
Durante estas dúas xornadas intervirán profesionais relacionados co mundo pesqueiro de ámbito nacional e galego, como representantes das confrarías de pescadores das comunidades de Baleares, Cádiz, Valencia e Burela. Así mesmo participarán relatores da Universidade de Santiago de Compostela, de Portos de Galicia, de Grupos de Desenvolvemento Rural, da Federación Galega de Pesca Marítima Responsable e Náutica de Recreo (FEDPEMAR) e de WWF España.
O mesmo xoves 12 de decembro pola mañá (de 9:00h a 13:30h) celebrarase na Casa da Cultura de Burela o Congreso Infantil “Conservemos o noso Mar”, no que alumnos e alumnas dos diferentes centros educativos de Burela farán exposicións dos traballos que ao longo das últimas semanas levan realizados nas súas aulas e que se relacionan coas prácticas respectuosas co medio mariño. Os alumnos e algún profesor participarán tamén como relatores no Congreso, no que tamén se proxectará a curta “Todos os días o mar”, do programa ‘Vidas Mariñeiras’.
Estes dous congresos son actividades que se desenvolven dentro do proxecto “Centro de Coñecemento do Patrimonio Cultural Pesqueiro”, promovido pola Fundación EXPOMAR, coordinado pola consultoría Valora e financiado polo GALP A Mariña Ortegal; xunto con outras actuacións como o deseño de catálogos e repositorios sobre as artes de pesca e a fauna e flora mariña. Este proxecto inclúe tamén unha análise e diagnose da situación da Fundación EXPOMAR, que derivarán no deseño das liñas estratéxicas a seguir pola entidade, e as súas accións a curto e medio prazo.