SANTIAGO .- Culminou o proceso de transición á Televisión Dixital Terrestre en Galicia nas áreas técnicas de Domaio e Páramo, co que se pon fin ao sistema de recepción de televisión coa tecnoloxía analóxica. Este proceso iniciouse o pasado mes de xaneiro en Galicia e supón adiantarse en dous anos á data fixada pola Unión Europea para abandonar a tecnoloxía analóxica de televisión.
Estes últimos apagados afectaron a 31 concellos da provincia de Pontevedra, correspondentes á área técnica de Domaio, e suman algo máis de 694.000 habitantes. Igualmente desconectáronse os centros do Páramo, que afecta a 45 municipios de Lugo, cunha poboación dunhas 238.000 persoas. En total, hoxe preto dun millón de habitantes máis terán exclusivamente cobertura de sinal dixital.
Debido ás inclemencias meteorolóxicas dos últimos días nalgunhas zonas de Lugo, que impediron o acceso aos centros, o acendido dixital farase a próxima semana. Son zonas da montaña lucense como Pedrafita, Navia de Suarna, Folgoso e Cervantes, nos que a próxima semana xa recibirán en exclusiva o sinal dixital. Algo parecido ocorrerá nos concellos de Marín e Cerdedo xa que, por problemas técnicos dos últimos días nalgúns centros, o acendido dixital farase tamén nos primeiros días da vindeira semana.
Por outra parte, tanto no 012 como na Oficina Técnica da TDT durante o día de hoxe rexistráronse o mesmo número de chamadas que en días anteriores, unhas 80, a maior parte delas de carácter informativo sobre as medidas necesarias para recibir o sinal dixital.
Das seis áreas técnicas en que está dividida Galicia, catro delas, Santiago, Ourense-Leste, Meda e Ares rexistraron o apagamento analóxico nas fases I e II que concluíron o pasado día 18 de xaneiro, beneficiándose do sinal dixital en exclusiva millón e medio de cidadáns.
O pasado día 10 de marzo comezou a terceira e última fase cos apagamentos analóxicos en distintos centros que deron unha posterior cobertura dixital a 300.000 habitantes.
Hoxe culminou todo este proceso cos apagamentos do Páramo e Domaio.
Colaboración total e absoluta dos concellos e teléfono de asistencia ao cidadán
Este proceso de acendido dixital foi posible grazas á colaboración dos concellos que traballaron en plena coordinación coa Xunta de Galicia. Técnicos da Xunta están a percorrer todos os municipios para coñecer de preto as necesidades a resolver e para obter unha mellor calidade do sinal.
Aínda logo de producirse o acendido dixital nos municipios galegos, a Xunta segue en contacto cos concellos para resolver os problemas técnicos que poidan xurdir.
O Secretario Xeral de Medios, Alfonso Cabaleiro, ten cualificado este proceso de implantación dixital como un “cambio histórico” e unha “revolución tecnolóxica”. Para Cabaleiro, Galicia soubo chegar a tempo e estar preparada ante un dos maiores retos tecnolóxicos dos últimos tempos.
“Ninguén vai quedar sen TDT”
Na rolda de prensa, o subdirector xeral de Enxeñaría e Planificación de Telecomunicación, fixo fincapé en que “ninguén vai quedar sen TDT”, incluso os que non vían a televisión en analóxico, ou aquelas persoas ás que o sinal da TDT lles chegue en malas condicións “van poder ver todos os canais” a través da solución de TDT por satélite.
Neste sentido, explicou que o 99 por cento da poboación xa ten acceso á TDT e, para as zonas sen cobertura, xa está dispoñible a solución vía satélite.
“A tecnoloxía debe de ser transparente para o cidadán e o que queremos é que se reciba o servizo da TDT con garantías”, puntualizou Ignacio Otero, que engadiu: “Todos imos notar unha mellora substancial coa introdución da TDT, porque supera en cobertura e calidade á televisión en analóxico”.
Otero puxo de relevo que os novos equipos da TDT instalados son “totalmente de tecnoloxía galega”, posto que, dixo, “os fabricantes galegos contan coa mellor reputación e prestixio no eido da TDT e nivel nacional e internacional”. Así, asegurou que tamén son galegas as empresas instaladoras, “moi cualificadas e coñecedoras do contorno rural onde se van despregar as infraestruturas”.
Ademais, resaltou que a Xunta, unha vez acometido totalmente o apagamento analóxico, seguirá facendo axustes na rede da TDT, ata rematar coa cobertura e calidade de servizo prevista. E, novamente, reiterou que o Goberno galego vai subvencionar os equipos de TDT por satélite para aqueles colectivos en risco de exclusión social.
Durante a rolda de prensa o subdirector xeral Ignacio Otero indicou que era necesario manter nestes días unha prudencia informativa ata coñecer con máis detalle as distintas incidencias que se poidan producir nestes días festivos e facer un maior balance nos primeiros días da vindeira semana.
O servizo de atención telefónica ao cidadán sobre a TDT segue activo, co obxectivo de dar unha resposta máis áxil ás dúbidas dos usuarios. Os teléfonos dispoñibles para atender as consultas son o 012 e o da Oficina Técnica, 98-1572.154. Os cidadáns tamén poderán obter información a través da páxina web www.tdtgalicia.es.