Lugo, 29 de novembro de 2019. A Deputación de Lugo financiará as obras de mellora do centro de menores San Aníbal de Burela con 32.900 euros, que servirán para acondicionar a zona de xogo infantil, xardíns e pista multideporte. O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, sinalou tras a Xunta de Goberno que esta actuación cumpre coa intención dos orzamentos 2020 do ente provincial, de situar ás persoas no centro do debate.
“O orzamento que se aprobará o vindeiro xoves está claramente orientado cara o gasto social”, comentou Rivera, que lembrou que a de Lugo é unha das poucas deputacións de toda España cunha ampla Rede de Protección Social, que non só favorece ao benestar e a conciliación, senón que xera actividade económica e emprego sostible na provincia.
O centro de menores de San Aníbal de Burela está promovido polas Hijas del Divino Celo. Ofrecen unha atención de día, alternativa ao internamento, que permite que os nenos e nenas poidan seguir vivindo coas súas familias mentres os Servizos Sociais do Concello elaboran un itinerario de actuación para cada menor e a súa familia. Dende o centro ofrécese apoio e seguimento escolar, orientación socio educativa e animación do tempo libre.
Plan Único
A Xunta de Goberno tamén acordou hoxe aceptar as solicitudes dos concellos de Guitiriz e O Vicedo de destinar a novos proxectos aos remanentes que lles quedaron trala adxudicación de obras do Plan Único. Trátase de actuacións de reparación e acondicionamento de diferentes vías por un importe total de 55.648,13 euros, dos que a Deputación achega 41.296. En Gutiriz trátase da reparación dun camiño de acceso dende Os Fidalgos á Pena do Leito, en Santa Mariña, e o acondicionamento de varios camiños municipais na parroquia de Lagostelle e no Vicedo acondicionaranse os accesos ao núcleo rural de Igrexa, en Cabanas.