A Mariña, 29 de novembro de 2019. A Federación de Comercio A Mariña lanza unha nova campaña de concienciación nos medios de comunicación para potenciar as compras no comercio local durante o Nadal.
Desde a FCAM o seu presidente, José Carlos Paleo, lembra que “o que pretendemos con esta campaña é darlle visibilidade a todas as potencialidades comerciais e turísticas que ten esta comarca. Pretendemos que os mariñáns segan apoiando ao seu comercio, ao que teñen ao carón da casa, a ese que é o que fai pobo. Pero tamén queremos que esta comarca reciba visitantes durante a maior parte do ano. Sempre é un bo momento para achegarse á Mariña, tamén no outono e no inverno, para pasear, para tomar algo, para saborear a súa gastronomía e para mercar no seu comercio”.
Paleo fai unha chamada á unión: “é fundamental estar unidos para resistir ás condicións actuais do mercado”. E subliña “a importancia de que todos xuntos e xuntas fagamos Mariña, que apostemos cada vez máis polo que temos na nosa comarca”.
A FCAM realizou varias campañas ao longo do ano para dinamizar a Mariña con campañas como Desvirtualízate ou 1.000 motivos para mercar na Mariña, que acaba de rematar co sorteo realizado o pasado luns na Acia do Vicedo.
Ademais a Federación de Comercio A Mariña amosou o seu apoio a Alcoa enviando miles de cartas dirixidas ao presidente do Goberno, nas que lle explicaba a Pedro Sánchez que a FCAM “aglutina a cerca de 1.000 negocios e autónomos e 5.000 empregos directos das oito asociacións de comerciantes do norte lucense que a forman” e amosáballe a preocupación pola incertidume que pesaba sobre a planta de Alcoa en San Ciprián: “a factoría xera 1.100 postos de traballo directos e outros 700 indirectos. É a empresa máis importante que ten a provincia de Lugo”.
A FCAM segue a apostar “polos negocios locais, porque sen eles os nosos pobos non teñen vida”.