Lugo, 25 de novembro, 2019. A Delegación da Xunta en Lugo súmase á campaña institucional para o Día internacional para a Eliminación da Violencia de Xénero, que se celebrou hoxe 25 de novembro. A fachada da sede institucional loce o lema da presente edición, unha mensaxe clara e directa que reza “Fronte á violencia de xénero só cabe unha resposta. Sen ningún xénero de dúbida. NON”.
A Xunta de Galicia reforzou a Oficina de Atención ás vítimas situadas no edificio dos xulgados de Lugo coa incorporación dunha traballadora social, que presta os seus servizos desde o pasado venres e que vén a sumarse ao profesional de psicoloxía que traballa na actualidade na Fiscalía. Este é un paso máis no desenvolvemento do protocolo de actuación para prestar unha asistencia integral e especializada ás vítimas e, de xeito especial, aos menores de idade e ás vítimas máis vulnerables durante o proceso xudicial.
Con esta finalidade acaba de crearse nos xulgados de Lugo unha sala Gesell, a segunda que se pon en marcha en Galicia, que permitirá tomar declaración en condicións de protección e privacidade ás persoas que requiran desta especial cautela. A sala está acondicionada para evitar momentos traumáticos a menores de idade e persoas especialmente vulnerables como persoas con discapacidade ou necesitadas de especial protección, así como vítimas de violencia de xénero.
O espazo conta cunha zona de exploración e outra de observación con accesos distintos e conectadas mediante un sistema de videoconferencia
Esta instalación tamén pode empregarse polos xulgados civís como os de Familia para a exploración dos menores de idade ou nos expedientes de incapacidade, e tamén polo Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga).
Grazas á implantación pioneira –na nosa provincia- desta sala as testemuñas declaran no ámbito xudicial unha soa vez e evítase que a vítima, sobre todo nos delitos de especial gravidade como os de natureza sexual, sufra esa peregrinaxe polo sistema xudicial. Así, deixan de ter que declarar ante a policía, o xuíz de instrución, o médico forense, os psicólogos e no xuízo oral.
A Xunta cumpre desta maneira as recomendacións da Directiva Europea sobre vítimas e a normativa estatal que obriga a brindar ás persoas especialmente vulnerables un trato específico que lle permita testificar en condicións que garantan a súa protección e respeten a súa privacidade.
Ademais deste sistema pioneiro en Galicia que acollen nos xulgados de Ourense está prevista de estender a instalación das salas Gesell de xeito progresivo en edificios xudiciais doutras cidades como no da Parda de Pontevedra, na futura Cidade de Xustiza de Vigo ou nos xulgados de Santiago.