Lugo, 23 de novembro de 2019. O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou na inauguración das III Xornadas Monográficas do Porco Celta en Galicia organizadas por Asoporcel no Pazo de Feiras e Congresos da cidade de Lugo, centradas nesta ocasión na mellora dos procesos de formación e profesionalización.
Alí lembrou que a Xunta investiu, desde o ano 2010, investiu arredor de 760.000 euros para financiar o programa de recuperación, e fomento da raza autóctona gandeira do porco celta. Neste momento concreto mantén vixente un convenio de colaboración con Asoporcel para o no período 2016-2019 por valor de 340.000 euros e tal e como avanzou o conselleiro do Medio Rural, José González, ten previsto manterse un esforzo orzamentario semellante para o vindeiro período 2020-2023.
Para o delegado da Xunta o sector primario é un dos piares económicos da provincia de Lugo e a recuperación das razas autóctonas aporta un valor engadido extraordinario e, en particular o porco celta que é sinónimo de calidade e singularidade.
“Ninguén mellor que cada un de vostedes saben que a cría de porco celta e a recuperación desta raza experimentou un crecemento nos últimos anos e xa representa unha marca de calidade consolidada para o sector porcino e cárnico da provincia de Lugo e no resto de Galicia. E na que ademais se aposta por un sistema de explotación sostible, cada vez máis demandado (e pagado) polos consumidores. E coa que se contribúe a un mellor aproveitamento natural do monte, máis coidado e con menos incendios”
Os relatores da Xunta nestas terceiras xornadas técnicas deron conta ao numeroso público participante das diferentes liñas de apoio ao servizo dos profesionais que apostan por explotacións de razas autóctonas, e afondaron nas axudas e condicións dirixidas á mellora dos procesos de transformación e comercialización deste produto.