Lugo, 22 de novembro de 2019. O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, acompañado de representantes provinciais e municipais de toda Galicia, participou este venres no centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo na sinatura do protocolo co que a entidade provincial renovou a adhesión á campaña En Negro contra as Violencias, como ben facendo dende a súa posta en marcha, no 2016.
Durante a súa intervención, José Tomé avogou por redobrar “os esforzos das institucións na loita para erradicar a violencia machista en todas as súas formas” e combater “o nefasto revisionismo” que están a invocar correntes como a ultradereita cando “tratan de negar ou disimular un problema estrutural como é a violencia contra a muller baixo unha suposta e xenérica violencia familiar ou intrafamiliar”.
O Presidente destacou que este ano case se dobrou a participación dos concellos de Lugo na campaña En Negro contra as violencias, “unha boa sinal no avance do compromiso social para a erradicación da violencia machista”. Hoxe, 45 dos 67 concellos lucenses están involucrados no proxecto, o que representa o 85% da poboación.
Protocolo
No protocolo asinado da campaña En Negro contra as violencias, recóllense os obxectivos deste proxecto que pretende, entre outras cuestións: fomentar unha acción de sensibilización cidadá contra as violencias machistas no ámbito municipal; implicar a toda a cidadanía nunha resposta colectiva de rexeitamento da violencia de xénero; ou promover a transversalidade de xénero nas accións políticas municipais para traballar a prol da igualdade e pola prevención deste tipo de violencia en todos os ámbitos.
Actividades do 25N
Deputación e Concello de Lugo organizan para o vindeiro luns -Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller- unha ampla programación de actividades que arrincarán ás 11:30 horas coa cuarta marcha En Camiño contra as Violencias, con saída desde o Centro de Formación do Servizo de Audiovisuais da Deputación. Ás 12:00 horas, dúas vítimas de violencia machista lerán o manifesto fronte á Árbore da Vida, na Praza de Santo Domingo, onde se fará unha ofrenda floral. Os actos continuarán na Praza de San Marcos, onde terá lugar unha actuación musical da man do Secretariado Xitano.